A acollida

A acollida, individual e grupal está baseada na relación de axuda e enténdese coma o inicio dun proceso que ten coma obxectivo mellorar as condicións de vida das persoas.

É unha relación humana que ten valor por ela mesma, un proceso bidireccional, unha interacción mutua que supón transformación, vínculos… non é só a recepción de demandas para valora las e darlles, ou non, curso. Non pode ir a remolque das demandas.

Require espazos dignos, relacións cálidas, flexibilidade, autenticidade…

A acollida é a razón de ser de Abertal, o eixe central da nosa actuación, e está intrinsicamente vinculada á  nosa misión.

Se non hai acollida, Abertal  non existe.

A acollida conleva un xeito de facer e de ser.

Acollemos a todas as persoas, independentemente da súa procedencia, relixión e tendencias políticas.

A acollida supón facerse próximos ás persoas, reivindicar a súa dignidade, buscar con elas respostas ás súas necesidades e descubrir as súas potencialidades.

A acollidaO noso modelo de traballo opta por un método centrado no acompañamento dos procesos de crecemento das persoas e das comunidades, o que supón centrar a atención nos ‘camiños’ máis que nas «metas».

Traballamos desde as capacidades e as potencialidades acompañando procesos.

Acompañar é máis «estar» que «facer»; non pode suplir a acción do outro, pero tampouco é unha mera espera pasiva. Acompañar é seguir o fío da vida sen pretender controlalo todo, prevelo todo…e é saber aproveitar o non esperado.

Precisamente toda a experiencia do confinamento a causa da pandemia supuxo ir aprendendo a acompañar dun xeito novo:

acompañar virtualmente.

Ante o decreto de alarma pola coronavirus decretado o día 14 de marzo e que supuxo, loxicamente, o parón das nosas actividades presenciais cos nenos e nenas, puxémonos «mans á obra» e estivemos a enviar cada semana actividades lúdicas que se podían realizar na propia casa.A acollida

Deste xeito, os nosos nenos e nenas seguiron a experimentar a nosa proximidade e agarimo, o noso desexo de que esta situación tan inesperada non rompese o clima de xogo e de ledicia ao que todo neno e nena ten dereito.

Supoño que cando este artigo estea senda lido xa teremos ocupado de novo cos nosos xogos, dinámicas, cantos e bailes o patio salesiano e as salas de Abertal; pero sen dúbida que  resulta  moi  importante  tamén o patio virtual que ocupamos nos días de confinamento.

Tamén a través dese patio queremos dicirlle aos nosos nenos e nenas que desexamos acollelos e acompañalos no camiño da vida.

Xabi Blanco

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.